Sastrería Tano

t

Propietario: Fernando Martínez López

Moda

Tano Xastrería Confeccións é un pequeno obradoiro artesán no que se fai roupa a medida para home e neno. Fundado en 1953 por Alejandro Martínez Guerra ("Tano"), continúa hoxe coa segunda xeración, despois dunha ampliación no ano 1980 coa venda de prendas complementarias á xastrería.
En todos estes anos de actividade intentouse conservar o espírito artesán e manual na elaboración dos nosos artigos, como facían os vellos alfaiates galegos, atendendo sobre todo á calidade nas teas que usamos e axeitándose ao gusto do cliente e á variedade de prendas que facemos.

Xastrería: Temos ao seu dispor un bo variado de panos, tanto en la, algodón, liño, la-poliéster, cachemir, etc.

Xastrería de gala: facemos roupa de gala de home: smóking, chaqué, frac, levita, etc.

Confeccións: Como complemento da xastrería, tamén ofrecemos un bo variado en camisa sport, clásica e de etiqueta, así como pantalóns en tecido de algodón, pana, jeans, etc., parkas de inverno e verán, cazadoras e prendas de punto como xerseis, polos e demais prendas sport.

Traxe galego de home: Pódese dicir que elaboramos case a totalidade das prendas, pois nos axeitamos aos desexos do cliente. A chamada roupa branca, é dicir, camisa e cirolas, xeralmente en lenzo e liño; e as prendas exteriores, como a monteira, nas súas diversidades, en pano ou pano con veludo; chalecos con pano liso ou adamascado, con veludo e pasamanería nas lapelas, as costas poden ir en liño cos ombreiros e costas en veludo, ou ben, se se desexa máis lixeiro, de raso ou tea fina; os calzóns, polo xeral negros, con forras de veludo nos botóns, aínda que se fan de diversas cores e feituras; as polainas xeralmente de tea, unhas con dobra ou lengüeta enriba; e a prenda menos usada, pero que máis categoría dá ao traxe, polo menos baixo a nosa opinión, é a chaqueta, ben redonda ou recta, con reforzos de veludo e pasamanería, adornando as lapelas e o colo, que ben pode ser baixo ou alto como o do chaleco.

Traxe galego de dona: O traxe que normalmente facemos por esta zona é o mariñán, con camisa, enagua, medias, pololos, dengue, saia de tea amarela, refaixo vermello, mantelo ou mandil e cofia na cabeza, ou para máis lucimento un pano de bobiné. Sobre os tecidos, son máis amigo de panos bastos, semellantes o máximo posible aos auténticos, aínda que hoxe en día as rapazas os atopan un pouco pesados, polo que nos piden tecidos máis lixeiros, que empregamos sen ningún problema sempre que non desvirtúen o noso fermoso traxe.

logo

Rúa Saavedra Meneses 26-28. 15300 Betanzos

Teléfono: 981 772 308


xastreriatanoa r r o b ahotmail.es

Páxina web

Accesibilidade | Aviso legal © 2007 ACEBE.CCA