A directiva de ACEBE CCA reúnese coa alcaldesa para solicitar medidas de apoio ao comercio local

A alcaldesa, María Barral, a presidenta de ACEBE CCA, Antonia Anido, e o tesoureiro de ACEBE CCA, Luis Mariano García, durante a xuntanza por videoconferencia

A directiva de ACEBE CCA, representada pola súa presidenta, Antonia Anido, e polo tesoureiro, Luis Mariano García, mantiveron unha xuntanza esta mañá por videoconferencia coa alcaldesa de Betanzos, María Barral, para solicitar medidas de apoio ao sector comercial tralo peche dos negocios polo estado de alarma.

Antonia Anido transmitiu á alcaldesa as principais demandas do colectivo nun momento especialmente delicado para o sector.

Por un lado, solicitaron que non se cobren as taxas de auga, de recollida de lixo, de ocupación de terrazas e do imposto de circulación de vehículos vinculados aos negocios que teñen cesada a súa actividade durante o estado de alarma. Medidas que o Concello xa ten en estudio, tal e como dixo a alcaldesa, María Barral, quen explicou que “vanse revisar todas as taxas pero temos que estudiar a forma xurídica mediante a que se poidan rebaixar ao máximo”, dixo, e engadiu que “este punto é algo no que estamos dacordo os tres partidos políticos da Corporación”. Ademais, subliñou que as taxas correspondentes ás terrazas de locais de hostalería non se cobrarán mentres dure o peche e incluso durante un tempo despois da apertura.

Campaña de apoio ao comercio local

A directiva de ACEBE CCA formulou tamén a posibilidade de aplicar axudas para negocios especialmente afectados pola crise sanitaria. Con respecto a esta cuestión, María Barral explicou que están agardando a que o Estado e a Xunta aclaren que medidas van a formular para non duplicalas: “os técnicos municipais están estudiando esta posibilidade, pero á espera de que outras administracións publiquen as súas axudas”, dixo, e engadiu que “non queremos anunciar axudas que despois non poidamos outorgar”.

Anido pediu tamén a posta en marcha dunha campaña de concienciación para fomentar as compras nos negocios de proximidade do municipio, unha vez que remate a crise sanitaria. Tamén comentou iniciativas doutros municipios que “anunciaron axudas ao comercio e están creando plataformas de venda online e de distribución para respaldar ao comercio local”, explicou.

En relación á creación dunha plataforma de venda, o Concello está tamén a traballar nesta iniciativa e estudando presupostos. Barral tamén destacou que o goberno local ten previsto realizar “unha campaña moi forte para fomentar as compras en Betanzos en canto poidan abrir os negocios”, dixo.

Reparto de máscaras

A alcaldesa explicou tamén que están á espera de recibir un lote de máscaras que o Concello encargou e que se repartirán nos negocios que se manteñen abertos durante este periodo como as tendas de alimentación, panaderías, o mercado municipal, as farmacias, etc. Esta partida súmase ás que a Deputación da Coruña entrega aos concellos e que se destinan principalmente aos centros de saúde, persoal de axuda a domicilio, etc.

María Barral destacou que “levamos desde que comezou a crise sanitaria traballando en buscar axudas para o comercio, a hostalería e os negocios que tiveron que pechar”, dixo.

Os representantes de ACEBE CCA mostraron a súa satisfacción pola boa disposición do Concello a atender as súas demandas e, en especial, polo consenso entre os tres grupos políticos.

A directiva de ACEBE CCA reuniuse, tamén por videoconferencia, co voceiro do BNG, Henrique del Río e mantiveron conversas coa voceira do Partido Popular, Cecilia Vázquez. Os directivos agradecen o interese demostrado polos partidos ante a situación que atravesa o comercio, a hostalería e as empresas locais.


Novas relacionadas


A PLATAFORMA SOS HOSTELERÍA BETANZOS CONVOCA UNHA CONCENTRACIÓN O MÉRCORES 24 PARA RECLAMAR UN PLAN DE RESCATE

23/02/2021

A plataforma SOS Hostelería Betanzos, da que forman parte case un cento de hostaleiros locais, convoca para o mércores 24 ás 12.00 horas unha conce...


leer máis


O SERGAS DETECTA EN BETANZOS TRINTA POSITIVOS DURANTE O CRIBADO POBOACIONAL

10/02/2021

Un total de 30 positivos foron detectados no cribado poboacional que o Sergas realizou en Betanzos entre o 28 de xaneiro e o 6 de febreiro e ao que fo...


leer máis


SANIDADE INICIA MAÑÁ UN CRIBADO EN BETANZOS A 8.000 PERSOAS DE ENTRE 18 E 60 ANOS

27/01/2021

Uns 8.000 veciños e veciñas de Betanzos de entre 18 e 60 anos serán convocados a partir de mañá xoves para someterse a unha proba PCR para detect...


leer máis


O CONCELLO PON EN MARCHA UNHA CAMPAÑA PARA INCENTIVAR O CONSUMO LOCAL CON 6.000 EUROS EN TARXETAS REGALO

23/11/2020

O Concello de Betanzos pon en marcha en decembro a campaña “Merca, tan cerca”, unha acción de apoio ao tecido comercial, empresarial e hostaleir...


leer máis