ACEBE CCA sorteará un total de 341 premios valorados en 1.500 euros a través da súa campaña “Rasca e Gaña” que se desenvolverá ata o 30 de ...
Antonia Anido deixa a presidencia de ACEBE CCA tras 14 anos á fronte do colectivo
Antonia Anido Díaz, presidenta en funcións de ACEBE CCA / ARUME
Despois de 14 anos como presidenta de ACEBE CCA, Antonia Anido Díaz anunciou a súa marcha dun cargo que asumiu en 2007 e que supuxo a presidencia máis longa da historia da asociación. "Despídome coa satisfacción de ter traballado sempre polo ben común do colectivo ao que represento. A pesar dos momentos difíciles motivados polas crises económicas que sofrimos, as diferentes directivas loitamos por conseguir as metas que nos propuxemos sen levar conta do esforzo engadido que supón ostentar un cargo coma este", explicou.
Anido confía nunha ampla participación no proceso electoral e que culmine na elección dun novo equipo que tome as rendas dun colectivo cunha traxectoria de máis de 40 anos e que representa a uns 200 empresarios e comerciantes locais: "Animo aos socios e socias a que participen nas vindeiras eleccións e a que cos seus votos elixan a unha nova directiva que, como nos pasou a nós, tomen as rendas da asociación con ilusión e con novas ideas", dixo.
Nos sete mandatos de Anido, marcados primeiro pola crise económica de 2008 e, máis recentemente, pola pandemia, as directivas que presidiu conseguiron importantes logros para o sector, como a celebración de sucesivas edicións de MercaBetanzos, "que foron un gran revulsivo para o comercio e para a propia cidade", lembrou; a celebración de dúas Feiras Empresariais ou as Festas do Comercio, que encheron durante catro anos a Praza do Campo con actuacións musicais e o sorteo de catro coches. Máis alá destes logros significativos, Anido salientou "o traballo do día a día, buscando a colaboración das administracións para loitar polos intereses do comercio de proximidade, especialmente en momentos duros".
A presidenta en funcións agradece o apoio tanto do Concello como da Deputación e da Xunta aos proxectos formulados dende a entidade e extende o seu agradecemento ás diferentes directivas que fixeron posible que a entidade perviva e aos socios e socias que sustentan o colectivo.
"É importante que o comercio siga loitando pola especialización e a modernización. Betanzos é un lugar estratéxico e temos que mirar cara a comarca da que somos cabeceira. Betanzos é unha cidade comercial e de servizos e ACEBE CCA é unha peza fundamental para o seu desenvolvemento", sostén.
Novas relacionadas
14/03/2025
ACEBE CCA acaba de poñer en marcha a campaña de envíos gratuítos para as vendas en liña da que poderán beneficiarse os negocios asociados que se...
14/03/2025
A planta alta do Edificio Liceo será o escenario dunha nova edición de MercaBetanzos, o mercado de oportunidades do comercio local, organizado por A...
28/02/2025
A Campaña de primavera de ACEBE CCA sorteará dous premios de 75 euros cada un a través da súa aplicación móvil AcebeCCA. Para poder participar, ...