Docería Rábade, máis de cen anos de tradición reposteira seguindo as receitas do avó Constante

Imaxe da fachada de Docería Rábade situada nos Soportais do Campo / ARUME

En 1916 Constantino Rábade abriu a docería que na actualidade xestiona a súa neta Carmen onde traballan outras dúas persoas da familia que elaboran, empregando as mesmas receitas do avó, as coñecidas milfollas, canas de crema ou piononos, de recoñecida sona máis alá da bisbarra.

Isabel Souto / Betanzos

Coa mesma decoración de hai 103 anos e conservando auténticas xoias de coleccionista, como as vitrinas ou os tarros de cristal onde se gardan os caramelos, Carmen Rábade mantén viva a esencia da docería que seu avó Constantino Rábade abrira nos Soportais do Campo no ano 1916.

"Incorporamos maquinaria para a elaboración do hoxaldre, unha laminadora, batedora e forno eléctrico, pero o resto está todo como o tiña meu avó", explicou Carmen, quen recoñece que agora sería incapaz de elaborar a masa de hoxaldre á man como se facía antes.

As súas especialidades son as milfollas, as canas de crema e os piononos elaborados de forma artesanal e seguindo as receitas do avó "Constante": "antes facíase o hoxaldre á man e cocíase en forno de leña. Nós seguimos facéndoo de forma tradicional aínda que coa axuda de máquinas e cocemos en forno eléctrico. Pero esta é unha das poucas confiterías onde nós elaboramos o hoxaldre cada día, e sen utilizar nin conservantes, nin colorantes en ningún dos nosos doces. É todo completamente natural", recoñece.

O material é de primeira calidade: "usamos a mellor fariña, o mellor leite, os mellores ovos... todo da zona de Betanzos e da comarca", dixo, e engadiu: "non conxelamos nada, faise todo no día e, aínda que normalmente non sobra moito, se algo queda sen vender, ou se tira ou se regala, pero non gardamos para outro día o que non se vende", explicou.

As mellores milfollas do mundo

As tartas de milfollas de Rábade son coñecidas máis alá da bisbarra. Elaboradas cunha capa de crema e outra de merengue, son o postre máis demandado nas festas de San Roque e para eventos especiais como aniversarios, primeiras comunións ou vodas.

"Durante as festas de agosto duplicamos ou triplicamos o traballo porque temos moitísimas encargas, tanto de Betanzos como doutros municipios", contou Carmen quen comentou que "mesmo no Nadal hai xente que nos encarga tartas de milfollas para esas datas".

Pero a sona das milfollas chegou moito máis lonxe: "vén xente de moitas partes a pedilas, de Madrid, de Barcelona... sempre nos din que son as milfollas máis ricas do mundo", contou Carmen. E lembrou que nunha ocasión entrou na tenda un guía xaponés que viña cunha excursión. Probaron os doces de Rábade e ao ano seguinte voltou con outro grupo de excursionistas: "dixo que estaba todo riquísimo, riquísimo", recorda.

Entre os seus recoñecidos clientes están Jorge Vázquez, Paco Buyo ou José Manuel Romay Beccaría, quen o día que recibiu a Medalla de Ouro de Galicia dixo que as milfollas de Rábade eran as mellores do mundo, tal e como conta Carmen.

Ademais, teñen outras exquisitas especialidades como os pionono, os petisú, as cañas, os melindres, os almendrados, as cocadas, os pasteis de mazá e de cabelo de anxo, os croasanes....

Á súa oferta engadiron tamén as pastas de té, que elaboran con receitas propias: "as pastas de té xa as facía o meu avó, aínda que na etapa en que meu pai colleu a docería deixaron de facerse. Nós agora volvemos a facelas".

Nas súas antigas vitrinas non faltan as figuriñas recheas de caramelos ou os paraugas de chocolate que conviven con outros doces como gominolas, bombóns ou ovos de chocolate.

E nos antigos tarros de cristal, da época do avó de Carmen, caramelos de todas as cores e sabores: "sempre andamos con moito coidado cos tarros de cristal porque son moi antigos e se rompe algún de seguro que non atopamos outro igual", comenta.

De "La Gran Antilla" a Betanzos

Constantino Rábade aprendeu os segredos da repostería en "La Gran Antilla", na Coruña, unha profesión que lle gustaba dende neno. Antes de abrir a docería na súa ubicación actual, alugou un baixo, uns metros máis abaixo, onde vendía os pasteis que elaboraba na casa e que cocía nun forno cercano.

En 1916 decidiu instalarse no baixo que dende entón ocupa "Docería Rábade" e aí naceu unha tradición familiar que chega á actualidade e que vai pola terceira xeración. Na docería traballaron os seus cinco fillos e a súa filla aínda que finalmente quedou co negocio o pai de Carmen, Antonio Rábade, e nel traballaba tamén a súa muller, Carmen Vázquez: "dende pequeniñas nós axudabamos na docería aos nosos pais", lembra Carmen Rábade.

Actualmente, xunto a Carmen Rábade traballan dúas primas súas: Merchi e Mari Luz. Abren todos os días do ano, incluidos os domingos, en horario de mañá e de tarde  e non pechan por vacacións: "facemos turnos para descansar pero non pechamos nunca", contan.

O futuro deste negocio familiar está de momento asegurado, cando menos ata a retirada de Carmen: "teño unha sobriña pero de momento aínda é nova para decidir se continúa ou non coa docería. Eu polo menos ata que me xubile vou seguir adiante, e despois xa veremos que pasa", dixo, aínda que recoñeceu que lle gustaría que a docería seguira a tradición familiar.


Noticia extraída do Nº 319 de Betanzos e a súa comarca

Novas relacionadas


ASEM GALICIA ASINA UN CONVENIO CO CENTRO DE TERAPIAS ECUESTRES EQUINOSENS

11/02/2020

A Asociación de Enfermedades Neuromusculares (ASEM) Galicia asinou un convenio de colaboración co centro Equinosens no que se aplican terapias con c...


leer máis


O GRUPO TÁBORA E A ASOCIACIÓN GALEGA DE ENFERMEDADES NEUROMUSCULARES (ASEM) ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN

18/09/2019

O grupo Tábora, do que forma parte Óptica Betanzos, asinou un convenio de prestación de servizos coa Asociación Galega de Enfermidades Neuromuscul...


leer máis


A FARMACIA COUCEIRO RECIBE A MEDALLA DE PRATA DE BETANZOS POLOS SEUS 300 ANOS DE HISTORIA

01/08/2019

A Farmacia do Dr. Couceiro recibiu a medalla de prata de Betanzos en recoñecemento aos seus tres séculos de historia. A alcaldesa, María Barral, fi...


leer máis


MANUEL PEDREIRA ABRE O CICLO DE CHARLAS QUE ORGANIZA ACEBE CCA COAS SÚAS ASESORÍAS ASOCIADAS

04/07/2019

Manuel Pedreira, titular da Asesoría Apebe, en Betanzos, foi o encargado de abrir o ciclo de charlas formativas que organiza ACEBE CCA en colaboraci...


leer máis