A farmacia máis antiga de Galicia está en Betanzos e cumpre 300 anos

Imaxe do interior da Farmacia do Dr. Couceiro / FOTO ARUME

A farmacia do Dr. Couceiro celebra tres séculos de actividade ininterrompida. Ubicada no seu emprazamento orixinal, na rúa dos Prateiros número 8, e rexentada pola mesma familia que chega xa á novena xeración.

 

Isabel Souto / Betanzos

É a farmacia en activo máis antiga de Galicia e este ano cumpre tres séculos de historia: "o documento máis antigo que atopamos é do ano 1719 aínda que todo nos fai pensar que pode estar aberta dende finais do século XVII", explicou María Sánchez, a actual propietaria.

A Farmacia do Dr. Couceiro, que vai xa pola novena xeración, foi recoñecida con varias distincións, entre elas a Medalla de Prata de Galicia outorgada pola Xunta de Galicia.

A súa botica e rebotica e o laboratorio, no que aínda se seguen a fabricar pomadas e xarabes seguindo as antigas receitas herdadas dos antergos, constitúen un auténtico museo da historia familiar pero tamén da evolución da actividade farmacéutica nos últimos trescentos anos.

Nas vitrinas do despacho principal consérvanse detalles de cada un dos farmacéuticos vencellados á botica. Medallas en certames nacionais e internacionais, medicamentos elaborados con fórmulas antigas que aínda se conservan e algunhas seguen utilizándose hoxe en día, utensilios de laboratorio, cuños, fotografías e documentos antigos que se manteñen intactos a pesar do paso do tempo.

A botica, que mantén a decoración de finais do século XIX conserva os botes orixinais de hai centos de anos, auténticas xoias que se coidan con esmero.

Unha farmacia na que a profesionalidade do equipo que a integra non ten dúbida e que, ademais, é un reclamo turístico. "Moita xente nos pide se os deixamos entrar para poder ver o interior, sobre todo turistas", contou María Sánchez, a actual propietaria.

Nove xeracións

María Sánchez tomou as rendas da farmacia en 2010, trala xubilación de súa tía Mª Luisa Couceiro, que faleceu recentemente.

María é a novena xeración da familia que se fai cargo da farmacia. Aínda que a súa orientación inicial eran as "letras", sentiu que tiña a "obriga" de preservar a tradición familiar e decidiu estudar farmacia. Agora, tras nove anos á fronte da botica, recoñece que desfruta moito do seu traballo e que, no fondo, levaba dentro tamén esa vocación familiar.

Foi o seu tataravó, Fermín Couceiro, quen iniciara a actividade do laboratorio pegado á farmacia e ata a historia máis recente cada un dos farmacéuticos que rexentaron o negocio imprimiu o seu propio carácter á empresa.

O tío Jesús

Un dos boticarios máis queridos na cidade e tamén na comarca foi Jesús Couceiro Núñez (o "tío Jesús", como o recordan na familia). Fillo de Fermín Couceiro Serrano e de Elvira Núñez López naceu no ano 1894 e faleceu en 1967.

Moitos betanceiros e veciños da comarca aínda se lembran del con cariño pola súa especial sensibilidade coa xente. "Estaba sempre na butaca do mostrador e alí atendía ás persoas que lle viñan consultar e pedir consello", recorda María. "Nos difíciles tempos da guerra e da posguerra, non todos podían pagar os medicamentos e el sempre dicía o mesmo: "vostede primeiro cúrese e despois xa virá a pagar". A xente agradecialle este xesto tan humano", contou María Sánchez.

"Aínda hai nais que ás veces veñen e recordan como o o tío Jesús salvou aos seus fillos", lembra.  El atendía á xente, escoitaba os seus síntomas e facía o seu propio diagnóstico. Propoñía un tratamento e os empregados da farmacia elaboraban as fórmulas no laboratorio seguindo as súas indicacións.

Jesús Couceiro tiña en mente estudar enxeñería, mais decantouse por facer a carreira farmacéutica tralo falecemento de seu irmán maior, Fermín. Tras licenciarse en Compostela e doutorarse en Madrid, foi farmacéutico do distrito desde o ano 1925 ata a súa xubilación.

O laboratorio HUEL

Jesús Couceiro supuxo un antes e un despois na Farmacia de Couceiro cando en 1921 rexistrou no Ministerio de la Gobernación, o laboratorio situado ao lado da farmacia, que funcionaba dende había varios anos, e que, ao igual que a farmacia, a súa propiedade pasaba de pais a fillos.

O laboratorio foi rexistrado co nome HUEL: "para nós é unha incógnita porque escolleu ese nome", recoñece María. A firma chegou a acadar sona a nivel nacional.  Nel elaborábanse medicamentos que podían ser dispensados sen precisar de consulta médica. Utilizaban para a súa preparación dous compoñentes básicos: o viño e o xarabe (auga con azucre). As fórmulas elaboradas con viño deixaron de facerse pola elevada carga de alcol pero algunhas das receitas con xarabe do Laboratorio HUEL aínda hoxe se seguen utilizando.

De feito, a farmacia elabora e vende medicamentos de formulación maxistral, en especial pomadas e xarabes, seguindo estas antigas fórmulas e mesmo hai médicos que recomendan estes produtos, indicando as proporcións precisas dos principios activos e que son despois elaborados no laboratorio da farmacia.

O paso do tempo, tres séculos, segue a manter vivo no recordo a cantas persoas foron marcando o destino desta botica que ata hai pouco conservaba na fachada un farol que durante centos de anos alumbraba de verde cando a farmacia estaba de garda. A modernidade e as normativas actuais fixeron que tivese que ser sustituido por un indicador dixital, mais o farol está gardado coma un tesouro máis deste gran museo farmacéutico.


Noticia extraída do Nº 315 de Betanzos e a súa comarca

Novas relacionadas


ASEM GALICIA ASINA UN CONVENIO CO CENTRO DE TERAPIAS ECUESTRES EQUINOSENS

11/02/2020

A Asociación de Enfermedades Neuromusculares (ASEM) Galicia asinou un convenio de colaboración co centro Equinosens no que se aplican terapias con c...


leer máis


O GRUPO TÁBORA E A ASOCIACIÓN GALEGA DE ENFERMEDADES NEUROMUSCULARES (ASEM) ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN

18/09/2019

O grupo Tábora, do que forma parte Óptica Betanzos, asinou un convenio de prestación de servizos coa Asociación Galega de Enfermidades Neuromuscul...


leer máis


A FARMACIA COUCEIRO RECIBE A MEDALLA DE PRATA DE BETANZOS POLOS SEUS 300 ANOS DE HISTORIA

01/08/2019

A Farmacia do Dr. Couceiro recibiu a medalla de prata de Betanzos en recoñecemento aos seus tres séculos de historia. A alcaldesa, María Barral, fi...


leer máis


MANUEL PEDREIRA ABRE O CICLO DE CHARLAS QUE ORGANIZA ACEBE CCA COAS SÚAS ASESORÍAS ASOCIADAS

04/07/2019

Manuel Pedreira, titular da Asesoría Apebe, en Betanzos, foi o encargado de abrir o ciclo de charlas formativas que organiza ACEBE CCA en colaboraci...


leer máis