A plataforma SOS Hostelería Betanzos, da que forman parte case un cento de hostaleiros locais, convoca para o mércores 24 ás 12.00 horas unha conce...
A restauración do Estanque do Retiro custará ao redor de 525.000 euros e sairá a licitación nuns meses
A alcaldesa, María Barral, xunto aos arquitectos Xan Casabella e Xosé Díaz Vieites
O Concello conta de sacar a licitación o proxecto de conservación e restauración do Estanque do Retiro “no prazo máis breve posible, aínda que levará uns meses xa que se trata dunha obra moi complexa”, explicou a alcaldesa, María Barral, quen, xunto cos arquitectos responsables do proxecto, Xan Casabella e Xosé Díaz Vieites, avanzou algúns dos detalles de como se levará a cabo a recuperación desta parte do parque.
O proxecto, que ten un orzamento de ao redor de 525.000 euros, recibiu a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e foi remitido á Deputación da Coruña que se comprometera a aportar 600.000 euros para o Pasatempo aos que o Concello suma outros 150.000.
Tal e como explicou María Barral, o proceso será lento xa que neste momento se atopa en redacción o convenio que a Deputación e o Concello asinarán para o financiamento das obras. Unha vez asinado o convenio procederase á redacción dos pregos para sacar a licitación os traballos. “Queremos ser moi coidadosos nos prazos xa que é un tema moi complexo, non é unha obra calquera”, dixo Barral.
Un modelo para posteriores restauracións
“O Estanque do Retiro é unha peza moi singular, moi ben delimitada e que servirá como modelo para posteriores restauracións no Pasatempo”, así o explicou o arquitecto Xan Casabella, un dos técnicos responsable do proxecto, xunto con Xosé Díaz Vieites.
Ambos os dous avanzaron algúns dos pormenores dos traballos que se van levar a cabo e que precisarán da intervención dun equipo multidisciplinar. Restaurarase a cornisa superior do muro que rodea o estanque e a varanda metálica, reforzaranse os muros perimetrais e restaurarase o templete. Tamén se reparará o túnel de acceso para evitar a entrada de humidades e a ponte que conecta o paseo que rodea o estanque co templete.
Con respecto ás pezas escultóricas, os técnicos subliñaron que “só se reconstruirán aquelas das que existe documentación gráfica suficiente”, dixeron: “Non imos crear falsas expectativas”. Con todo, realizarase un exhaustivo traballo de análise das diferentes capas das pezas existentes para atopar as cores orixinais e tratar de recuperalas: “empregarase o mesmo sistema que se utilizou no Pórtico da Gloria”, explicaron.
A limpeza previa do estanque, de onde se retiraron unhas 150 toneladas de lodo, foi importante xa que apareceron moitas pezas que se atopaban no fondo, algunhas das cales son orixinais e poderán utilizarse para recompoñer figuras incompletas.
Unha vez que comecen os traballos, as estimacións dos técnicos apuntan a que durarán uns 15 meses, contando con que estivesen catro restauradores traballando ao mesmo tempo.
Reclamación á Xunta
María Barral reclamou de novo a colaboración económica da Xunta de Galicia “creo que é o xusto que a Xunta colabore, como mínimo, na mesma medida en que o fai a Deputación xa que se trata dun parque único e singular en Galicia”, dixo.
A alcaldesa subliñou que “dende o principio contamos co apoio de Patrimonio e agardamos que o expediente de declaración BIC se resolva a principios deste ano. Pero cremos que é de xustiza que a Xunta participe tamén económicamente”, dixo.
Novas relacionadas
10/02/2021
Un total de 30 positivos foron detectados no cribado poboacional que o Sergas realizou en Betanzos entre o 28 de xaneiro e o 6 de febreiro e ao que fo...
27/01/2021
Uns 8.000 veciños e veciñas de Betanzos de entre 18 e 60 anos serán convocados a partir de mañá xoves para someterse a unha proba PCR para detect...
23/11/2020
O Concello de Betanzos pon en marcha en decembro a campaña “Merca, tan cerca”, unha acción de apoio ao tecido comercial, empresarial e hostaleir...