A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos, Centro Comercial Aberto, ACEBE CCA, foi unha das galardoadas coa distinción Garelo que...
O Concello reitera a orde de demolición do Secadero
Imaxe do estado da fachada do edificio do Secadero
O Concello de Betanzos trasladou ós propietarios do edificio do Secadero o acordo da última comisión de goberno na que se reitera a orde de demolición da edificación, logo de que o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de A Coruña desestimase o recurso presentado polo dono do local situado no baixo.
O edificio foi declarado "en ruina urbanística e económica" en 2013, momento no que o propietario do local hostaleiro "El Patio del Secadero", situado no baixo da edificación, interpuxo un recurso.
O pasado 29 de decembro o desprendemento de parte do teito interior do edificio fixo preciso o desaloxo do local e o Concello decretou a orde de clausura "dada a urxencia e perigosidade en que se atopaba o inmoble", así como a adopción de medidas de seguridade na estrada. Dende entón permanece acordoado o edificio e a Demarcación de Carreteras pechou un dos carrís dos tres existentes.
Os veciños das vivendas cercanas levaban varios anos alertando do risco que supoñía a edificación dado o seu abandono e o mal estado de conservación.
Agora, logo de que o xulgado rexeitase o recurso, os propietarios dispoñen dun prazo dun mes, que expira a finais de febreiro, para presentar o proxecto técnico de demolición e solicitar a correspondente licenza de demolición.
No caso de incumprimento, o Concello advirte da "execución subsidiaria, a custa dos propietarios, ou a execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas", explicaron fontes municipais. Estas sancións poden ser de entre 300 a 6.000 euros e son reiterables ata lograr a execución das obras ordenadas.
Ademais, o Goberno Local ordenou ós propietarios do inmoble a adopción das medidas precisas que garantan a seguridade viaria así como a retirada dos restos e elementos que puideran caer á vía pública.
En novembro de 2012 o Partido Popular de Betanzos presentara unha moción ó Pleno da Corporación para que a Factoría do Secadero fose incluida no Catálogo de Edificios que se debían incorporar ó Plan Xeral para, nun futuro, cando as circunstancias económicas o permitisen, se puidese converter nun centro de referencia. A moción quedou sobre a mesa á espera dos informes pertinentes e en febreiro de 2013 a Comisión de Goberno acorda declarar a ruina económica e urbanística ante a situación de abandono do mesmo.
A factoría do Secadero de Betanzos era a maior de España e pioneira en adiantos
Cando foi inaugurada polo entón Ministro de Agricultura, Rafael Cavestany, o 6 de setembro de 1951, a factoría do secadeiro de lúpulo de Betanzos era a maior de España e primeira do mundo polos seus adiantos industriais, tal e como explicaba o Enxeñeiro Agrónomo Ricardo de Escauriaza nunha reseña publicada no Anuario Brigantino dese mesmo ano.
O edificio, de cinco plantas, estaba adicado á desecación, preparación e prensado do lúpulo. A planta era entregada na planta baixa para o seu pesado e posterior subida, mediante un montacargas, ata o último piso no que se atopaban nove secadeiros con seis bandexas cada un. Unha vez seco e despois de enfriar caía por unhas mangas de lona ás prensas eléctricas para confeccionar os balotes que despois se enviaban ás fábricas de cervexa. O edificio contaba cun transformador eléctrico nun local adosado e cun laboratorio para analizar a planta e os niveis de humidade. O que en principio foran unhas naves para a recepción do lúpulo converteuse, co tempo e tras varias ampliacións, nunha factoría pioneira e modelo no seu xénero.
En 1946, a Sociedad Anónima Española de Fomento del Lúpulo, iniciou a difusión do cultivo desta planta creando a Delegación da 1ª Zona (Galicia) en Betanzos e nomeando Delegado a Raúl Fernández Meás primeiro e, tralo seu falecemento, a Luis Sevilla González que estivo no cargo ata a desaparición da empresa en 1983.
Na época de maior esplendor, os anos 50 e 60 -en 1963 recolléronse 240.000 quilos de lúpulo seco- Betanzos era a máis importante das catro zonas produtoras de España cunhas 530.000 plantas. Pero a partir dese momento iniciouse un descenso que levou á súa práctica desaparición no ano 1982.
Novas relacionadas
08/09/2009
A empresa participada por Banesto, como propietaria das vivendas unifamiliares inacabadas do Pasatempo, ven de solicitar ante o Concello a licencia ...
08/09/2009
O Concello retira a ponte de madeira que será sustituida por outra de deseño similar A ponte de madeira do malecón pasou á historia. O seu dete...
05/11/2009
O Concello ten que reordenar os estacionamentos no entorno do acuartelamento para cumprir os requisitos de seguridade que regula o Ministerio de...